Thursday 16 de May de 2024

Rueda anuncia investimentos de 18 M€ para facer de Ferrol a cidade do deporte e novas actuacións nos tres barrios BIC


— Anuncia un acordo entre Xunta e Concello para comezar a traballar nun convenio de colaboración que supoña investir 18 millóns de euros ata 2027 en actuacións de rexeneración urbana na cidade e converter a Ferrol na cidade do deporte do futuro

— Investiranse outros 18 millóns na recuperación de vivendas no casco histórico e a humanización dos tres barrios BIC da cidade: Ferrol Vello, Esteiro e A Magdalena

— Lembrou o compromiso referido a cofinanciar as obras pendentes do saneamento rural nun 70%

— Solicitou o desexo de asinar un convenio de colaboración coa Consistorio para a ampliación do hospital, no que xa está en marcha a Fase I

— Ambas administracións acordaron demandar conxuntamente ao ADIF a sinatura dun convenio para desenvolver a modernización das infraestruturas ferroviarias de Ferrolterra

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe investimentos por parte da Xunta para a rexeneración urbanística de Ferrol
e reafirmou o seu compromiso coa mellora das infraestruturas sanitarias e sociais da cidade.

Así llo trasladou ao alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, durante un encontro enmarcado na rolda de reunións con rexedores das principais cidades galegas tras os comicios municipais, e que o líder do Goberno autonómico definiu coma ”unha xuntanza cordial e produtiva”.

Neste sentido, Rueda referiuse a unha das prioridades que comparten ambas institucións como é a recuperación de vivendas no casco histórico e a humanización de barrios como o da Magdalena e Ferrol Vello. Por iso, anunciou que Xunta e Concello acordaron comezar a traballar nun convenio de colaboración para investir 18 millóns de euros ata 2027 en actuacións deste eido.

Ademais, o presidente comprometeu o apoio do Executivo autonómico ao proxecto de abrir Ferrol ao mar reservando 1,5 M€ nos orzamentos do próximo ano para apoiar a súa continuidade.

Deporte
En materia de deporte, o titular da Xunta manifestou que a idea de cidade do deporte formulada polo alcalde para recuperar instalacións é interesante e por iso ambos emprazáronse a consensuar un convenio no que se recollan as actuacións, o calendario e o investimento previsto para colaborar en función dos recursos dispoñibles.

Trátase dun convenio ao 50%, é dicir, un investimento de 18M€ e que estará reflexado nos Orzamentos do ano 2024, para levar a cabo reparacións e innovacións importantes no eido deportivo. Tamén se realizará unha actuación conxunta en canto ás instalacións deportivas que se atopan en centros escolares repartidos por todo o Concello de Ferrol

Saneamento no rural
Durante a reunión, o titular do Goberno galego explicou que o compromiso adquirido coa anterior corporación municipal referido a cofinanciar as obras pendentes do saneamento rural nun 70% –o proxecto supón un investimento total de 8,4 M€– segue vixente e así estará reflectido nos orzamentos do vindeiro ano. A este respecto, indicou que os técnicos de ambas administracións están avanzando para actualizar as actuacións necesarias e poder asinar o acordo dun calendario concreto.

Eidos sanitario e social
No eido das infraestruturas, o presidente trasladoulle ao rexedor ferrolán o desexo de asinar, como xa ocorre nas outras cidades galegas, un convenio de colaboración co Concello para a ampliación do hospital, no que xa está en marcha a Fase I e ao que a Xunta vai destinar máis de 130 M€ en total. Tamén falaron da posibilidade de construír un novo centro de saúde no barrio de San Xoán de Filgueira unha vez que o Concello ceda a parcela correspondente para que a Xunta poida iniciar o proxecto de obra.

Ademais, Rueda salientou a confirmación de Jose Manuel Rey Varela de asinar o convenio coa Xunta de Galicia, no que se recolle a exención do IBI, e que xa está en marcha noutras cidades.

Tamén se referiu ao avance das obras da residencia da Fundación Amancio Ortega que dotará a Ferrol de 120 prazas e que se poñerá en marcha nun prazo de 18 meses.

Mobilidade
Tanto a Xunta como o Concello deixaron patente na reunión que as infraestruturas son unha das grandes materias pendentes na cidade ao ser, por exemplo, a única de Galicia que aínda non conta cun cronograma para facilitar a intermodalidade nos seus transportes, tal e como lembrou Rueda. Neste sentido, ambas administracións acordaron demandar conxuntamente ao ADIF a sinatura dun convenio para desenvolver a modernización das infraestruturas ferroviarias de Ferrolterra, imprescindible para que o Goberno galego poida levar a cabo as obras na terminal de autobuses e o Concello a urbanización dos accesos e a transformación urbanística da zona.

Industria e emprego
Alfonso Rueda puxo en valor iniciativas proxectadas na cidade para garantir o seu futuro como o Polo de innovación en enerxías mariñas e almacenamento enerxético de Galicia, para o cal a Xunta xa licitou a elaboración do seu Plan estratéxico e indicou que se está a traballar noutras accións preliminares, contando con que a previsión é que estea en marcha no segundo semestre de 2024.

Así mesmo, o titular do Goberno galego puxo en valor a industria da comarca e o seu necesario impulso, destacando que catro dos seis proxectos industriais declarados estratéxicos pola Xunta están nesta comarca e, ao mesmo tempo, poñendo de manifesto o potencial eólico e naval da zona. A este respecto, explicou que o vindeiro ano o Executivo autonómico seguirá colaborando na formación de capital humano desenvolvendo un programa de formación dirixido a traballadores do naval e o eólico a través dun investimento de 250.000 euros.